Que é a CIG?

Novo web da CIG-Estado

A CIG-Estado traslada o seu web ao novo sitio de CIG-Administración Pública. Mantemos o actual web como histórico para o que necesites consultar. Estamos en:

 

https://www.cigadmon.gal/estatal

 

A Confederación Intersindical Galega (CIG) xorde do seu congreso fundacional, o 19 de marzo de 1994, e é a converxéncia das duas centrais sindicais galegas, CXTG e INTG, que asinaran previamente un pacto de alianza o 2 de abril de 1990.

A orixe da CIG, e da INTG e CXTG, remóntase ás loitas sindicais da década dos 70 en Galiza, co nacimento de várias organizacións sectoriais, entre as que cabe destacar o SOG (Sindicato Obreiro Galego), que deu orixe no ano 1977 á ING (Intersindical Nacional Galega), que se unificará posteriormente coa CTG (Confederación de Traballadores Galegos) e mais a CSG (Central Sindical Galega). Deste proceso de converxéncia nacen a INTG e a CXTG, que agora se unifican na CIG.

A CIG é un sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galiza e a autoorganización dos traballadores e traballadoras, que pratica a solidariedade e o internacionalismo, que considera un principio fundamental a democracia e a participación, que respeita o pluralismo, que mantén a independéncia respeito de calquer outra organización ou institución, que se expresa en galego e impulsa a nosa cultura e idioma.

A Confederación Intersindical Galega ten como obxectivos básicos a mellora progresiva e xeral, individual e colectiva, dos traballadores e traballadoras; o impulso do Marco galego de Relacións Laborais e a construción da Central Sindical Única Galega; a defensa do pleno exercício dos dereitos humanos, individuais e colectivos, incluindo o direito de Autodeterminación; a loita por unha nova orde económica internacional, máis xusta e solidaria; a reforma do marco xurí­dico e político que permita a Galiza ser suxeito de pleno direito dentro da Unión Europea e contar con plena capacidade de actuación en todas as matérias, etc.

O Consello Confederal da CIG, máximo organismo entre Congresos, reune-se cada 3 meses e conta cuns 100 membros. O Secretariado está composto por 29 membros, ten como finalidade facer o seguimento da acción sindical e reivindicativa sectorial e comarcal, e reune-se cada mes e meio. E a Executiva Confederal está composta por 12 membros e xunta-se cada semana ordinariamente. O Secretario Xeral, que exerce a máxima representación da CIG, e o Presidente, que representa á central sindical en actos de especial releváncia, son cargos unipersoais elexidos en congreso.

A Confederación Intersindical Galega está integrada por sete comarcas (Vigo, A Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Lugo) e 9 federacións sectoriais (Administración Pública; Banca, Aforro e Seguros; Construción e Madeira; Ensino; Metal; FGAMT (Alimentación, Mar, Téxtil e Transporte e Comunicacións); Químicas e Enerxía; Saúde; Servizos). Asi mesmo, a central sindical conta con departamentos e secretarias específicas para temas como muller, pensionistas, mocidade, saúde laboral, migración e cooperación.

A afiliación realiza-se na central sindical, que conta con 55 locais en todo o paí­s dedicados a temas especificamente laborais, e unha ducia máis para formación ocupacional e contínua (de traballadores/as en paro ou activo). A sede central está na cidade de Vigo e o centro de reunións dos organismos, en Santiago de Compostela. A Confederación conta cun periódico próprio, o "Tempo Sindical", que ten unha tiraxe de 36.000 exemplares.

A CIG conseguiu nas eleicións sindicais de 2008 en Galiza o 28,6% dos delegados sindicais, máis de 5.600, polo que é "sindicato máis representativo" a ní­vel de todo o estado español xunto a CCOO, UGT e ELA-STV. Por esta razón, participa nos organismos tripartitos de ámbito estatal (INEM, INSALUD, INSS, ISM, INSERSO, Consejo Económico y Social, Consejo General de Emigración, etc.) e noutros de ámbeto nacional galego (Consello Galego de Relacións Laborais, Consello Económico e Social, etc).

Nos dez últimos anos, ante a deterioración económica de Galiza, a discriminación por parte do estado español na construción de infraestruturas, o abandono total dos sectores económicos básicos (naval, pesca, leite...) asi como polo retroceso en materia de direitos laborais, e a paulatina privatización dos servizos públicos, realizaron-se múltiples protestas, que tiveron o seu cume en oito folgas xerais, a última o 27 de xaneiro de 1994. Catro destas folgas foron exclusivamente galegas.