Subscrito o Acordo que establece os criterios xerais polos que se vai regular o Teletraballo no ámbito da Administración Xeral do Estado. Podedes consultar a nota aquí. Ver o Acordo asinado.
A pesar de que, con carácter xeral, a CIG manifestámonos contrarios a prestación de servizos nesta modalidade, o documento resultante da negociación colectiva no ámbito da Administración Xeral do Estado contén e atende de xeito positivo á maioría das cuestións demandadas polo noso sindicato.
En primeiro lugar recoñece a modalidade presencial como xeito ordinario de prestación de servizo, relegando a posibilidade de facer teletraballo a determinados postos e funcións que deberán ser identificadas e concretadas previa negociación coa representación do persoal na correspondente Mesa Delegada.
Establécese que terá a condición de voluntario e reversible; requirindo de solicitude e autorización previa, o que deberá facerse mediante convocatorias públicas e con criterios obxectivos. Sendo todas elas condicións indispensables para que se poida comezar a prestar servizo nesta modalidade.
Queda garantida a atención presencial e directa á cidadanía; limitando a posibilidade de teletraballar a unha parte da xornada: dous días presenciais e tres de teletraballo.
Mantéñense a totalidade de dereitos, tanto individuais como colectivos, das persoas que exerzan esta modalidade de prestación de servizo; comprometéndose a Administración a facilitar os medios que garantan o exercicio da representación sindical.
Asegúrase o mantemento da protección da saúde, en especial aquelas ligadas ao tecnoestrés e ao illamento social, así como o dereito á desconexión dixital; sendo responsabilidade dos Servizos de Prevención a determinación do cumprimento das medidas preventivas.
Haberá un seguimento e avaliación do impacto na organización e nos servizos públicos; no que haberá que ter en conta a perspectiva de xénero e de corresponsabilidade, así como os posibles impactos psicosociais e os efectos de carácter xeográfico.
A Administración facilitará os medios técnicos e tecnolóxicos necesarios para a prestación de servizo nesta modalidade.
As condicións de traballo, xornadas, horarios, tarefas, obxectivos, criterios de avaliación, ubicación, duración da autorización, así como as causas e prazos para revogar a autorización; deberán de recollerse nun modelo de “acordo de Teletraballo” a subscribir entre o empregado ou empregada e a Administración. Sendo en todo caso de coñecemento da representación do persoal as persoas que exercen a actividade nesta modalidade.
A Administración comprométese a que, no proceso de elaboración da norma que desenvolvan esta modalidade, se dea audiencia ás Organizacións Sindicais.
Atendendo a todas estas cuestións, na xuntanza da Mesa Xeral de Negociación do pasado 12 de abril de 2021, o Sector da Administración do Estado da CIG subscribimos o Acordo cos criterios polos que se vai regular o Teletraballo na Administración Xeral do Estado.