A petición da CIG, o pasado 4 de novembro mantivemos unha reunión coa Directora Xeral de Función Pública para trasladarlle a nosa preocupación por como se estaban desenvolvendo varias das cuestións relacionadas cos acordos que a CIG subscribimos no ámbito da Administración Xeral do Estado. Acordos que teñen que ver co desenvolvemento do Teletraballo, o Protocolo de Acoso Sexual previsto no III Plan de Igualdade, a Lei de Función Pública e o Convenio Único do Persoal Laboral da Administración Xeral do Estado.
Solicitamos que se deberían retomar cuestións respecto das que entendíamos non se estaban a dar avances, para o que dende a Dirección de Función Pública debería dárselles un impulso que rematara o proceso negociador.
De xeito máis concreto, respecto do Convenio Único demandamos que se retomen á maior brevidade posible as negociacións paralizadas sobre Xubilación Parcial e Cambio de Réxime Xurídico, dándolle prioridade; sen deixar o que si se está negociando, aínda que moi lentamente, como o Novo Sistema Retributivo. Fixemos fincapé sobre a problemática que existe nas titulacións esixidas para o Grupo E1, que rompen o principio de Igualdade para o novo ingreso nas convocatorias das Ofertas de Emprego Público, así como na necesidade de culminar o proceso de Encadramento.
Respecto do Teletraballo e Protocolo de Acoso Sexual, demandamos que se axilizase a elaboración dos textos que deberían ser elevados ó Consello de Ministros para aprobación como Reais Decretos; así como o trámite de elaboración da Lei de Función Pública da Administración Xeral do Estado que debería presentarse para tramitación parlamentaria nesta lexislatura; e na que agardamos se incorpore un modelo de carreira profesional.
Galiza, novembro de 2021.