CIG, ELA, LAB e Intersindical Catalá reclaman a xubilación do persoal sanitario e sociosanitario aos 60 anos
Os sindicatos CIG, ELA, LAB e Intersindical Catalá mantiveron o 29/09/2022 diferentes xuntanzas en Madrid cos distintos grupos políticos, nas que solicitaron que condicionen o seu apoio aos próximos orzamentos á aprobación do dereito á xubilación do persoal sanitario e sociosanitario aos 60 anos nos sectores público e privado.
A demanda destes sindicatos concrétase na petición ao Goberno español para que respecte o dereito de profesionais sanitarios e sociosanitarios a xubilarse aos 63 anos, sempre que teñan cotizado o tempo exixido, e que negocie os cambios legais necesarios para conseguir a xubilación ordinaria aos 60 anos durante esta lexislatura.
Paralelamente tamén solicitan aos Gobernos e diferentes Administracións da Galiza, Euskal Herria e Catalunya que articulen mecanismos para facilitar a xubilación anticipada deste persoal ou recuperen aqueles que foron recortados nos últimos anos, como as primas de xubilación anticipada.
Lembraron que a actual lexislación, en materia de Seguridade Social, recoñece o dereito á xubilación anticipada ás persoas traballadoras incluídas en calquera dos réximes da Seguridade Social aos 63 anos, sempre que teñan cotizados entre 38 e 44 anos e 6 meses e que a idade sexa inferior en dous anos, como máximo, á idade esixida que resulte de aplicación en cada caso.
Tamén instan o Executivo estatal a recoñecer, o dereito á xubilación aos 60 anos do persoal sanitario e sociosanitario do ámbito público e privado
As centrais sindicais lembraron que “estamos diante de cadros de persoal cunha media de idade moi alta (máis de 50 anos) e cunhas condicións penosas no desempeño. Condicións que, como consecuencia das políticas de recortes, privatización e desmantelamento dos servizos públicos aplicadas os últimos anos, fan imprescindíbel a articulación deste dereito”.