Os sindicatos presentes nas mesas de negociación estatal do MIR fomos convocados para reunión de carácter informal polo novo Subdirector de RRHH e Formación da DGP, co obxectivo de se presentar e coñecer as nosas principais inquedanzas.
Desde a CIG trasladamos as catro cuestións principais que pensamos se debe afrontar en beneficio do persoal de corpos xerais deste ámbito:
- Recuperación do horario laboral prepandemia.
- Negociación dun novo acordo de produtividade que dea resposta ás eivas dun documento xa obsoleto.
- Cobertura de postos mediante procedementos públicos e transparentes.
E, o máis urxente, pola evolución da crise sanitaria:
- Cumprimento da Segunda actualización do Plan fronte á COVID-19, especial e concretamente neste momento, no que ten que ver coa recuperación do reforzo do servizo de limpeza, suspendido hai uns días.
O subdirector trasladou o seu compromiso para, na medida das súas competencias, dar resposta a estas cuestións e retomar con máis fluidez a comunicación cos representantes do persoal.
Gz, 13 de novembro de 2020.