Reunida a Mesa Delegada da DGT o día 14 de outubro, imos chegar a fin de ano igual que estabamos: Desocupación dun 28% de postos con poucas expectativas de cara a ocuparse mediante concursos, oeps e demais formas de cobertura; con previsión de mobilidade ao mínimo ao non convocarse os postos das xefaturas galegas; sen documento de teletraballo nin nova proposta de instrución de produtividade; negando o deber inexcusable para casos COVID...
Todas as Organizacións presentes reclamamos accións para solucionar o problema da alta porcentaxe de postos vacantes. A Secretaria Xeral díxo que a súa intención é traballar para facer o Organismo máis atractivo, pero non foi quen de dicir cómo. Non poden activarse máis concursos por non haber persoal nese departamento. Tampouco parece que vaian a convocarse moitas prazas da DGT no concurso unitario que está a elaborar FP, nin que vaia incorporarse moito persoal da OEP 2018 xa que os ministerios de nova creación absorberán boa parte.
Ante a petición de información xeral xunto as queixas sindicais achegadas polo seguimento do gromo de coronavirus de Palencia -que chegou a pechar a xefatura- trasladan que os protocolos COVID estatais como das comunidades autónomas están a seguirse en todo o Estado. A Administración desatende a petición da necesidade de habilitar o permiso de deber inexcusable para proxenitores con menores afectados por períodos corentena (48.j do EBEP) e deriva a todo o persoal a acollerse a outras medidas incluíndo a bolsa de horas de conciliación (artigo 8.8 da Resolución 28/02/19, Instrución sobre xornada e horarios). A CIG entende que a adopción desta medida é fundamental para dar cobertura a unha situación extraordinaria e novidosa, e así estamos a defendelo en todos os foros nos que participamos.
Abordouse a nova Instrución para a provisión de postos por concurso de Operadores de Centros de Xestión, que é o que consideran máis urxente, posto que non teñen (tampouco) efectivos. A necesidade de persoal vai conseguir que se ocupen vía concurso ordinario o que ata hai ben pouco se cubría con requerimentos moi específicos.
Está creado un grupo de traballo para abordar unha instrución de traballo a distancia que calculan poder aplicar a finais de ano. Agardamos ter o borrador para facer as nosas achegas.
Respecto da Produtividade, a CIG reclamamos o sinalamento de datas para comezar a elaborar unha nova Instrución, obxectivo que dera orixe á última das reunións que mantivo esta Mesa antes do decreto do estado de alarma. Pola DXT respostan que primeiro pretenden abordar e resolver o tema de teletraballo, coa nova Instrución e que, de seguido, abordaríase a Produtividade. Así que este nefasto sistema vai seguir rexendo de momento. E para o reparto do remanente deste ano -que vai diferir pouco do ano anterior- denunciamos o paradoxo de que alguén que causase baixa por mor da COVID vaia cobralo mentres que alguén que tivo a mala sorte de ter outra patoloxía común, que, en función do que dure a baixa, vai quedar sen ela, sendo situacións, ámbalas dúas, que están fóra da vontade do persoal. Consecuencia isto do inxustísimo reparto da produtividade neste organismo.
Para información máis polo miúdo destas e outras cuestións das tratadas na reunión, preme para ver en nova completa.