A CIG subscribe o acordo para implantación do III Plan para a Igualdade de Xénero na Administración Xeral do Estado e nos Organismos Públicos vinculados ou dependentes dela
Este III Plan parte do recoñecemento das desigualdades de xénero existentes entre homes e mulleres no eido da Administración Pública, onde se reproducen as mesmas dinámicas, roles, costumes e estereotipos de xénero que en calquera outra organización así como noutros ámbitos da nosa sociedade.
Para a elaboración deste Plan establecéronse como obxectivos principais os seguintes:
- Eliminar todas as formas de discriminación contra as mulleres.
- Eliminar todas as formas de violencia contra as mulleres tanto na esfera pública como privada; incluíndo o tráfico sexual e outros tipos de explotación.
- Recoñecer e valorar o traballo dos coidados domésticos, e a promoción da corresponsabilidade.
- Asegurar a completa e efectiva participación da muller e iguais oportunidades para o liderado en todos os niveis.
- Acometer as reformas necesarias para dar ás mulleres iguales dereitos sobre os recursos económicos.
- Aumentar o uso das tecnoloxías adecuadas, en particular as da información e da comunicación, para promover o empoderamento das mulleres.
- Adoptar e afortalar políticas eficaces e facer cumprir a normativa establecida para a igualdade de xénero a todos os niveis.
O Plan contén un total de 68 medidas, encaixadas en 6 eixos de actuación:
Eixo 1.- Medidas instrumentais para unha transformación organizativa
Eixo 2.- Sensibilización, formación e capacitación
Eixo 3.- Condicións de traballo e desenvolvemento profesional
Eixo 4.- Corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e laboral
Eixo 5.- Violencia contra as mulleres
Eixo 6.- Interseccionalidade e situacións de especial protección
Recoñece por primeira vez a existencia da Fenda Salarial na Administración Xeral do Estado, contemplando, no ámbito da promoción interna, medidas de discriminación positiva que favorezan unha maior ocupación de mulleres nos altos cargos.
Respecto da Formación e Sensibilización, establece como requisito a formación específica en materia de igualdade para aquelas persoas que a vaian a impartir. Prevense a implantación de itinerarios formativos específicos en materia de igualdade.
Compromete someter a nova negociación, no prazo máximo dun ano, do acordo polo que se aprobou o protocolo de actuación fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo na Administración Xeral do Estado que foi anulado por sentencia do TSX de Madrid e ratificada polo Tribunal Supremo, así como a súa elevación a rango de Real Decreto.
Incorpora, por primeira vez, actuacións e medidas contra as discriminacións dobres, múltiples ou de índole interseccional; contemplando a inclusión da perspectiva en diversidade.
Teríanos gustado que se acadara un documento que fose máis ambicioso nas súas expectativas, aínda así, o que non se pode negar é que o documento que se somete a aprobación da Mesa Xeral de Negociación contén elementos suficientes para mostrarnos optimistas en canto ás posibilidades de avanzar cara a consecución da igualdade nos dereitos das mulleres así como na protección da súa integridade motivo polo que no Sector da Administración do Estado da CIG acordouse dar a nosa aprobación para a implantación do III Plan para a Igualdade e Xénero.
Ver Información completa
Ver III Plan de Igualdade de Xenero