Rubén Méndez (segundo pola esquerda), Secretario Nacional do Sector da Administración Xeral do Estado da CIG, xunto con Carolina Darias (centro), Ministra de Política Territorial e Función Pública; acompañados de Francisco Hernández (primeiro pola esquerda), Secretario de Estado de Política Territorial e Función Pública e Javier Rueda e Isabel Borrel, Secretario Xeral e da Directora Xeral de Función Pública respectivamente; logo da reunión da Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado celebrada o luns 30 de novembro. Reunión na que se asinou o Acordo polo que se aproba o III Plano para Igualdade de Xénero na Administración Xeral do Estado e nos Organismos Públicos vinculados ou dependentes dela.
A mais do acordo para o III Plano para a Igualdade, na reunión da mesa tomaron acordos respecto da aprobación do Regulamento Disciplinario do Persoal Laboral no Exterior; do que a CIG abstivémonos de tomar posición, por ser este un ámbito no que non ostentamos representación ao radicar fora do territorio da Galiza. Adecuouse a representación da Mesa Delegada do Ministerio de Defensa, coa incorporación do Persoal Estatutario dos Centros Sanitarios; respecto do que a CIG dimos a aprobación por resultar o ámbito axeitado para que este persoal puidese facer efectiva a negociación colectiva da que ten dereito; sen que por iso a representación que a CIG temos nese ámbito sofrese modificación algunha. Como ultimo punto da orde do día, presentouse a Memoria de Prevención de Riscos Laborais na Administración Xeral do Estado, sobre a que a CIG xa nos tiñamos manifestado, a través do noso representante, na reunión da Comisión Técnica de Prevención celebrada o pasado 20 de novembro.
Aparte dos temas incluídos na orde do día, o Secretario Nacional do Sector aproveitou a presenza dos altos cargos do Ministerio para trasladarlle a preocupación da CIG respecto da demora (para nos inxustificada) no abono dos atrasos correspondentes ao Persoal Laboral afectado polo IV Convenio Único; así como a situación dos cadros de persoal dos distintos Departamentos e Organismos dependentes da Administración Xeral do Estado, en especial aqueles que teñen competencias na xestión de trámites das novas prestacións aprobadas polo goberno como consecuencia da Pandemia.
Galiza, 30 de novembro de 2020