O sindicato lamenta a hipocrisía de CCOO e UGT cando critican á patronal por non pactar subas que garantan o poder adquisitivo, cando iso foi o que fixeron na administración pública.
Unha suba retributiva adicional do 1,5% no ano 2022, o que implicou pasar do 2% imposto polo Goberno estatal a comezos do ano pasado ao 3,5% final, cando o ano pechou cun incremento do 5,7% do IPC. Ese foi o resultado do pacto salarial de UGT e CCOO co Ministerio de Facenda, provocando no ano de maiores incidencias da alza dos prezos un novo recorte do poder adquisitivo dos miles de traballadores e traballadoras que traballamos no sector público. O resultado da evolución do desfase dos nosos salarios ao respecto do carestía da vida elevouse no ano 2022 ao 18,64% desde o ano 2010 no que se produciron os primeiros recortes nas nosas nóminas.
Ese mesmo acordo atou igualmente a suba dun 2,5% para este ano 2023 (só coa posibilidade de chegar ao 3% se o IPC chegaba ao 6%). O IPC interanual do mes de abril chegou ao 4,1%. De se confirmar esta media no remate do ano 2023 a perda de poder adquisitivo do profesorado, do persoal do SERGAS e de todas as administracións (central, autonómica, local) incrementaríase nun 1,6%.
O que a CIG denomina como un pacto de perdas entre CCOO, UGT e o goberno español (e que terá continuidade no ano 2024 cunha suba pechada no 2% para ese ano) implica, coa perda xa consolidada e coa incerteza da evolución dos prezos no que queda de ano e no ano que vén, todo un golpe ás economías de miles de persoas e unha submisión a un goberno ao que se trata como unha patronal amiga, desentendéndose do persoal do sector público.
A hipocrisía sindical: o que é bo para o sector público non vale para pactar coa patronal
As declaración nas últimas semanas dos líderes de UGT e CCOO van na liña de “acusar” á patronal por non aceptar un acordo salarial marco que garanta o mantemento do poder adquisitivo, igualando salarios con incremento de IPC. Estas declaracións só poden ser froito da hipocrisía de quen é capaz dun pacto de perdas e de declarar despois exactamente contrario. De non ser así e de estar fronte a un arrepentimento por teren traizoado ao persoal do sector público, estes sindicatos debería recoñecer o erro, rectificar e retirar a súa sinatura dun acordo que, lonxe de recuperar cando menos parte do que nos arrebataron nos últimos anos, incide aínda máis na caída da nosa capacidade para afrontar o día a día.