Seguridade Social

Novo web da CIG-Estado

A CIG-Estado traslada o seu web ao novo sitio de CIG-Administración Pública. Mantemos o actual web como histórico para o que necesites consultar. Estamos en:

 

https://www.cigadmon.gal/estatal

 

Segundo o a información facilitada pola Subdirección de Recursos Humanos e Inspección de Servicios do Ministerio de Inclusión Seguridade Social e Migracións, na que se recolle unha diagnose da situación do persoal das Entidades Xestoras, podemos deducir a gravidade da situación na que se atopan os cadros de persoal.

RESPECTO DA COBERTURA DE POSTOS:

O total de postos de traballo do conxunto das Entidades (TGSS, INSS, GISS, ISM, IGSS, SJSS) ascende a 30.270; dos que 22.386 están ocupados e 7884 están sen ocupar, estando vacantes mais do 26% do total da RPT.

RESPECTO DE XEITO DE OCUPACIÓN:

Dos 22.386 postos ocupados, 15.613 estano con carácter definitivo e 6.224 de xeito provisorio; o que supón cerca dun 30% do persoal ocupando posto en Comisión de Servizos, como Interino ou Interina ou en Adscrición Provisional.

NO QUE ATINXE A IDADES E SUBGRUPOS, A SITUACIÓN É A QUE SIGUE:

417 persoas superan a idade ordinaria de xubilación (mais de 65 anos)

5.847 persoas (26,1% do total de persoal), están entre os 60 e os 64 anos: 682 con 64, 917 con 63, 1238 con 62, 1363 con 61 e 1647 con 60.

Preto de 3.000 persoas acadarán a idade de xubilación nos vindeiros 3 anos; dos que 2.400 son dos subgrupos C2 e C1, 390 do subgrupo A2 e 220 do subgrupo A1.

8.505 persoas (38 % do total), está entre os 55 e os 59 anos.

4.069 persoas (18,17% do total), entre os 50 e os 54 anos.

3.523 persoas (15,7% do total) son menores de 50 anos; dos que unicamente 474 (2,1%) teñen 30 anos ou menos.

A media de idade sitúase preto dos 55 anos (54,92); circunstancia que, para calquera organización que pretenda manter os niveis de xestión, suporía un auténtico risco de cara ao futuro.

Esta situación xa nos está levando cara un continuo deterioro na atención ao público; sendo, as Entidades, incapaces de manter a Rede Local e a atención presencial nos niveis existentes antes do 2019.

Consecuencia das restricións aplicadas nas Ofertas de Emprego público, por mor das limitacións á reposición de efectivos, a evolución do cadro de persoal nos últimos 10 anos padeceu unha diminución superior as 6.000 persoas; o que supón unha media de mais de 500 persoas menos cada ano que pasa.

A pesares de que a Lei de Orzamentos cualifica a Seguridade Social como “sector prioritario” aos efectos de reposición de efectivos, a realidade demostra que isto non garante o mantemento do emprego existente, resultando que ano tras ano observamos como marcha mais persoal do que ingresa.

Parece que as únicas solucións que atoparon os actuais xestores dos Recursos Humanos, pasan por un incremento exponencial na ocupación temporal (comisións de servizos) e o desempeño precario (contratación de interinidades), ao que hai que sumar a oferta de traballo fora da xornada habitual compensado con gratificacións extraordinarias (horas extraordinarias), e a continua derivación de parte dos servizos a contratación externas. En resumo: incremento da temporalidade e da precariedade no xeito de ocupación dos postos, así como a privatización dos servizos.

Dende a CIG hai anos que estamos a denunciar unha situación que, co paso do tempo, non fai mais que agravarse; os parches e medidas transitorias que se están a aplicar non serven para dar solución satisfactoria aos graves problemas que afectan ao cadro de persoal da Seguridade Social.

As solucións deberían pasar por:

  • Adopción de medidas que permitan, pola vía das Ofertas de Emprego, a recuperación do emprego perdido nos últimos anos.
  • Convocatoria de procesos de provisión de postos para eliminar a temporalidade no desempeño.
  • Un programa de reposición de efectivos orientado ao ingreso de novo persoal que permita baixar a media de idade.
  • Rescate dos servizos privatizados para volver a xestionalos directamente.

De non aplicarse estas medidas de xeito urxente, asistiremos ao constante deterioro do servizo que dende as Entidades da Seguridade Social estase a prestar a cidadanía; co risco de que o sistema acabe sendo privatizado, para logo ser xestionado directamente por entidades ou empresas privadas.

Ver Nota Informativa

Ver Estudo Situación RRHH na SS 2021