SUBSECTOR PERSOAL LABORAL DA AXE. ENCADRAMENTO 05/10/2020.
Moitos son os motivos que forzan á CIG a non asinar dito acordo, entre eles severas discrepancias no seu contido que afectan a máis de catro mil traballadores/as xunto a unha negociación escurantista e ilexítima.
A CIG, tanto no pleno extraordinario da Comisión Paritaria, coma na xuntanza extraordinaria da Mesa Negociadora do IV Convenio Único, deixou patente o súa desconformidade co borrador de acordo de encadramento presentado pola Administración.
- A Administración superou con creces todos os prazos axeitados para ter rematado nun tempo prudencial o proceso, paralizando incluso nalgunhas ocasións a propia dinámica de traballo por non ter feito a súa parte en moitas das Subcomisións Paritarias. Isto levou a case pechar o encadramento logo de 18 meses da sinatura do Convenio, quedando xa pouco mais dun ano para o remate da vixencia do mesmo, o 31 de decembro do 2021.
- Realmente o encadramento non está pechado definitivamente xa que quedan pendentes varios colectivos como consta no propio acordo ( e para os que se dan o prazo dun mes para encaixalos de forma axeitada). Pero a maiores a Administración deixa fóra ao persoal do INAEM, dado que aínda non está rematada a súa integración no Convenio: en total máis de 1.000 traballadoras e traballadores!
Todo isto lévanos a seguir retrasando os demais temas pendentes xa que, segundo di a Administración, mentres non remate o encadramento non se pode traballar nin negociar sobre “concurso de traslados aberto e permanente, xubilación parcial, troco de réxime xurídico ou revisión do sistema complementario”.De levarse a cabo o concurso de traslados ou concursos de promoción, o persoal pendente de encadrar sufrirían un agravio comparativo co resto do persoal.
A CIG non pode avalar que haxa traballadoras e traballadores de primeira e de segunda categoría.
- Doutra banda, no acordo hai un punto onde di que neste ano 2020 comezarán a facerse efectivos os atrasos adebedados dos anos 2019 e 2020, pero en ningún caso aparece reflectido que se farán efectivos neste ano, senón que “comenzará a aplicarse en 2020”, unha nova promesa da Administración chea de ambigüidade.
- Denunciar, así mesmo, o comportamento antisindical do Ministerio de Fomento que encadrou o persoal sen contar coa postura da CIG, negándolle incluso a documentación de traballo ao noso representante na Subcomisión Paritaria dese ministerio.
- Por último, a existencia de discrepancias importantes nos pormenores do propio encadramento. Un dos motivos máis salientábeis para o rexeitamento da CIG á sinatura do acordo veñen dado polas discrepancias de criterio con respecto a tres colectivos, un do Ministerio de Defensa e dous do IMSERSO e que detallamos a continuación, que afectan a perto de tres mil traballadoras/es:
No caso do Ministerio de Defensa ao persoal encadrado na actualidade no G5 A1 “Axudante de xestión e servizos comúns” (limpadora/es) o encadran no grupo E1 pero en dúas familias profesionais e especialidades distintas. O criterio que utilizaron para encadrar a este colectivo nunha familia profesional e especialidade ou na noutra foi, segundo estean traballando na actualidade. Se está a traballar de limpadora/or encadrárono na familia profesional “Servizos socioculturais e á comunidade” coa especialidade “Actividades domésticas e limpeza de edificios” e se está a traballar nunha lavandaría queda encadrado na familia profesional “Hostalería e turismo” na especialidade “Aloxamento e lavandaría”. O peor de todo é que a decisión de que o persoal quede encadrado dun xeito ou doutro quedou á discrecionalidade do xefe que teña cada quen. Dende a CIG propuxemos crear unha única especialidade que englobara aos dous colectivos (limpadora/es e lavandeira/os) para evitar agravios comparativos posto que este persoal procede do mesmo grupo profesional, ademais de evitar pecharlles oportunidades no concurso de traslados, dado que así só poderán optar á súa familia profesional e especialidade. A proposta da CIG foi aceptada por toda a parte social e a propia Administración na Subcomisión Paritaria de Defensa, pero botárona abaixo no Grupo de Traballo de Encadramento os outros sindicatos en conivencia coa Administración (os mesmos que votaran a favor na Subcomisión) prexudicando así a un colectivo de máis de 600 traballadoras/es.
No caso do IMSERSO aínda é peor, posto que afecta a mais de 1.000 traballadoras/es, e isto sen contar o persoal eventual que engrosa as listas de contratación das distintas bolsas de traballo, ao cal tamén afecta este encadramento a pesares de non ser persoal laboral fixo.
Con respecto ao actual colectivo de 280 persoas do G5 A2 “Axudantes de actividades técnicas e profesionais”, a CIG propuxo que para o desempeño das funcións deste colectivo servisen tres titulacións “Título profesional básico en cociña e restauración” (pinche de cociña), “Título profesional básico en aloxamento e lavandaría” (camareira/o-limpadora/or) e “Título profesional básico en actividades domésticas e limpeza de edificios” (limpeza), seguindo o mesmo argumento que para o colectivo do Ministerio de Defensa, para evitar agravios comparativos. No seu lugar encadrouse este colectivo na familia profesional “Servizos culturais e á comunidade” coa especialidade “Actividades domésticas e limpeza de edificios”, requirindo unha soa titulación. Isto inevitábelmente vai levar o persoal a un conflito de funcións.
No caso do actual colectivo de 843 persoas do G4 A3 “Oficiais de actividades específicas” a CIG propuxo que se aglutinaran nunha soa e nova especialidade as dúas titulacións que no seu momento se lles exixiu ao persoal para entrar a traballar na Administración, “Técnico en atención a persoas en situación de dependencia” e “Técnico en coidados de enfermaría”. Isto non suporía nin troco de funcións nin variacións na baremación de méritos profesionais a ter en conta no concurso de traslados e promoción profesional posto que ambas as dúas titulacións valerían para acceder a esta nova especialidade. Nun principio a Administración e algún outro sindicato estaban de acordo nesta proposta, máis tarde, como non había un consenso pechado acordouse polo Grupo de Traballo de Encadramento deixar este colectivo para un estudo posterior ao igual ca outros outros que finalmente si quedaron para estudar despois. Pero no Pleno da Comisión Paritaria a Administración presentou un borrador de acordo encadrando a este colectivo tras levar a cabo negociacións de corredor, nunha sorte de regateo de mercadiño, con outros sindicatos sen ter convocado ao Grupo de Traballo de Encadramento para negocialo e, no seu caso, acordalo. O grave deste “trapicheo”, non se pode chamar negociación ao que non se leva aos grupos ou mesas onde se negocia, é que a Administración mudou a súa postura encadrando a este persoal na área sanitaria pedindo para o desempeño do posto a titulación de “Técnico en coidados de enfermaría” obviando que a prestación as usuaria-os dos centros do IMSERSO son prestacións e atencións socio-sanitarias e que nunca foron nin serán centros hospitalarios, pasando por alto tamén que, precisamente dende o ano 2014 inclúese a titulación de “Técnico en atención a persoas en situación de dependencia” para o persoal eventual das bolsas de traballo, abocando a este persoal a engrosar as listas do SEPE, mulleres na imensa maioría. Esta Administración, que presume unha e outra vez de feminismo e igualdade, insiste en poñer novas trabas ás mulleres na súa loita pola igualdade no traballo.
Con este encadramento en lugar dunha mellora laboral para este colectivo e unha mellora na atención das persoas dependentes usuarias destes centros o que se consigue é crear un conflito sobre temas de funcións e por tanto unha peor atención as persoas residentes dos centros.
Por todo o exposto, e diante das formas escurantistas e ilexítimas de negociación da Administración nos corredores con sindicatos estatais e constantando cambios de postura en aras de intereses espúreos en prexuízo do persoal do Convenio, a CIG non pode avalar coa súa sinatura semellante despropósito. O compromiso da CIG está co conxunto de traballadoras e traballadores. Nós non somos un sindicato de palabrería barata e troco de posicionamento segundo dea o vento.
A CIG é un sindicato nacionalista e de clase!!